|
O CGAB abre unha nova temporada para a súa "Escola Galega de Árbitros" (ESGAR)
|
27/10/2022
A entidade federativa inaugura este venres en Santiago de Compostela unha nova edición da súa Escola Galega de Árbitros, pioneira a nivel Nacional.
|
O Comité Galego de Árbitros abre este venres, 28 outubro; a VII edición da súa Escola Galega de Árbitros (ESGAR). Esta ferramenta didáctica do CGAB estreará no Colexio Cluny de Santiago de Compostela unha temporada máis de traballo intensivo con colexiados e colexiadas autonómicos.
Un total 25 alumnos, chegados das sete delegacións zonais da Federación Galega de Baloncesto e con idades comprendidas entre os 16 e 20 anos, conformarán o grupo obxectivo desta renovada ESGAR. Durante sete meses, recibirán clases, charlas e sesións en pista que buscarán a súa mellora técnica e a súa proxección no mundo da arbitraxe dende diferentes perspectivas.
A xefatura de estudos da Escola correrá a cargo de Daniel López Illán, árbitro da Federación Española de Baloncesto (FEB). A súa labor virá acompañada do seguimento do Director Técnico do CGAB, Miguel Ángel Pérez; e do apoio de colexiados e colexiadas galegas de categorías ACB e FEB.
Formación
A carga didáctica da ESGAR conformarase con dúas convocatorias de traballo mensuais: unha de carácter presencial e a segunda en formato online. As aulas físicas terán lugar no propio Colexio Cluny, colaborador imprescindible para levar a cabo esta actividade. No apartado online, a axenda contará con protagonistas de renome internacional.
Ettore Messina e Pablo Laso, primeiros convidados
O calendario destas conferencias virtuais abrirase da man de todo un referente no Baloncesto internacional: Ettore Messina. O actual adestrador xefe do Armani Milán compartirá cos alumnos da Escola a súa ampla e vitoriosa experiencia tanto en competición europea, como na NBA. A cita será o vindeiro 15 de novembro.
O segundo dos nomes que será centro destas sesións é o do laureado técnico nacional Pablo Laso. Mantendo así o nivel da calidade dos poñentes, a súa sesión será no mes de decembro.
A identidade das restantes figuras que completarán a axenda destas citas online no 2023 darase a coñecer en vindeiras datas.
|
|
|